Canon da auga e coeficiente de vertedura

O canon da auga e o coeficiente de vertedura son dous novos tributos que foron creados pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia. Non obstante, o inicio da súa aplicación non tivo lugar ata o 1 de xullo de 2012, momento no que entrou en vigor o Decreto 136/2012, do 31 de maio, polo que se aproba o Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais.

 

O Canon da Auga

O canon da auga, que ven substituír ao actual canon de saneamento, será un canon de carácter finalista, é dicir, financiará única e exclusivamente as actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotación de depuradoras de augas residuais e xestión dos nosos ríos, e terá como un dos seus obxectivos primordiais fomentar o uso racional da auga e o aforro da mesma.

O novo canon mellora o actual canon de saneamento incorporando criterios de progresividade e equidade:

  • Progresividade porque a tarifa doméstica se estrutura en diversos tramos segundo o consumo, e porque considera para eses tramos o número de persoas por vivenda: loxicamente, consumirá máis unha vivenda con 5 que outra con 3 persoas.
  • Equidade porque os cidadáns pagarán o mesmo Canon da Auga independentemente de onde vivan.
  • Aplicaranse descontos a familias numerosas (50%), así como a comunidades de usuarios (traídas veciñais) e captacións propias (90%).
  • Ao primeiro tramo se lle pode chamar “tarifa social”: se se consumira dentro deste tramo, unicamente se pagarían 0,5 €/mes.

 

O Coeficiente de Vertedura

O coeficiente de vertedura é unha taxa que está vinculada á prestación do servizo de depuración por parte de Augas de Galicia, de maneira que só virán obrigados ao seu pagamento os usuarios aos que se lle preste dito servizo de depuración por parte de Augas de Galicia.

O coeficiente de vertedura tamén se trata dun tributo finalista cuxa recadación estará destinada exclusivamente ao financiamento dos gastos de explotación e inversión das infraestruturas de depuración que xestione a Administración hidráulica de Galicia, incorporando na súa configuración os mesmos criterios de progresividade e equidade que o Canon da Auga, así como o mesmo sistema tarifario e de bonificacións.