9 Como podo demostrar o número de persoas que somos na vivenda para adaptar o número de metros cúbicos gratuítos e aplicar o sistema de tramos?

Por defecto considérase que en cada vivenda hai 3 persoas, co que os 6 primeiros metros cúbicos de cada mes non pagarán canon da auga.

Non obstante, naquelas vivendas onde o número de persoas que vivan na vivenda sexa superior a 3 persoas, poderán acreditar dita circunstancia aos efectos de establecer os novos tramos a aplicar (unha vivenda de 4 persoas terá un tramo social gratuíto de 8 m³/mes, nunha vivenda de 5 persoas o tramo social gratuíto será de 10 m³/mes e así sucesivamente).

A efectos de conseguir o cambio no número de persoas, o titular do contrato da auga deberá presentar ante Augas de Galicia o Modelo de Solicitude de acreditación do número de persoas na vivenda, debendo cumprir os seguintes requisitos:

  • O número de habitantes para a que se pretenda a modificación debe coincidir co número de persoas que están empadroadas en dita vivenda.
  • O titular do contrato de subministro de auga debe ser un dos habitantes da vivenda de acordo co padrón de habitantes.

Unha vez recibida a solicitude Augas de Galicia, previa comprobación dos datos declarados, procederá a ditar unha resolución e a comunicarlle o número de persoas á entidade subministradora de auga.

A modificación no número de persoas terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á presentación completa da solicitude. Non obstante, de presentarse esta solicitude nos dous primeiros meses de vixencia do canon da auga, terá efectos desde o inicio da aplicación do canon da auga, sempre e cando os datos que na mesma se conteñan queden suficientemente probados para ese período.