6 Que tipos de usos da auga hai no canon da auga?

A Lei de augas de Galicia establece tres tipoloxías de usos da auga: os usos domésticos, os usos non domésticos e os usos específicos.

  1. Son usos domésticos da auga os usos particulares que corresponden co uso da auga para beber, para sanitarios, para duchas, para cociña e comedor, para lavados de roupa e de vaixelas, para limpezas, para regas de parques e xardíns, para refrixeración e para acondicionamentos domiciliarios sen actividade industrial e mais con outros usos da auga que se poidan considerar consumos inherentes ou propios da actividade humana non industrial, nin comercial, nin agrícola, nin gandeira, nin forestal.
  2. Son usos non domésticos da auga os correspondentes ás actividades incluídas na Clasificación nacional de actividades económicas, agás que se asimilen a usos domésticos. Neste senso, asimílanse a usos domésticos os usos non domésticos da auga que usen un volume total de auga nun ano natural inferior aos 2.000 metros cúbicos, a non ser que da súa carga contaminante vertida resulte unha cota do canon da auga nesta modalidade superior nun 20% da resultante de o aplicar na modalidade de volume.

    Son usos agrarios, gandeiros e forestais os usos non domésticos correspondentes ás actividades incluídas na sección A, divisións 01 e 02, da Clasificación nacional de actividades económicas.

  3. Son usos específicos os usos non domésticos vinculados a actividades concretas para os que a Lei establece un tipo de gravame específico. Actualmente a Lei contempla os seguintes usos específicos: usos industriais de refrixeración e usos de produción de enerxía hidroeléctrica; usos agrícolas, forestais e gandeiros suxeitos; usos de augas termais e mariñas na actividade balnearia; usos de auga para a rega de instalacións deportivas; e usos de auga en acuicultura e depuradores de moluscos.