4 Que usos están exentos do pagamento do canon da auga?

A Lei establece que os seguintes usos da auga están non suxeitos ou exentos do canon da auga e, polo tanto, estes usos non virán obrigados ao pago do canon da auga:

  1. Os usos para abastecemento feito a través de redes básicas e, en xeral, o abastecemento en alta doutros servizos públicos de distribución de auga potable, cando a súa posterior distribución en baixa sexa obxecto de repercusión do canon.
  2. Os usos de augas residuais reutilizadas, sempre que o seu gravame supoña dobre imposición respecto do mesmo volume de auga.
  3. Os usos agrícolas, forestais e gandeiros, sempre que non exista unha contaminación de carácter especial en natureza ou cantidade por fertilizantes, pesticidas ou materia orgánica, comprobado polos servizos de inspección da administración competente (máis info)
  4. Os usos da auga por parte de entidades públicas para a alimentación de fontes, bocas de rega de parques e xardíns, limpeza de rúas e instalacións deportivas, agás os destinados á rega de campos de golf e ao enchido de piscinas.
  5. Os usos feitos polos servizos públicos de extinción de incendios ou os que coas mesmas características sexan efectuados ou ordenados polas autoridades públicas en situacións de necesidade extrema ou catástrofe.
  6. Os suxeitos pasivos aos que resulte de aplicación a Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos de auga encorada, polos usos da auga gravados por dito imposto.
  7. Os usos destinados a unha unidade de convivencia independente que acrediten estar en situación de exclusión social (máis info)
  8. Os usos da auga por parte de entidades de iniciativa social, tanto públicas como privadas, sen ánimo de lucro, realizados en centros que presten servizos directos a persoas en risco ou en situación de exclusión social. (máis info)