13 Estou en situación ou risco de exclusión social... podo solicitar estar exento do pagamento do canon da auga?

Si. As unidades de convivencia independentes que acrediten estar en situación de exclusión social poderán solicitar a exención no canon da auga.

Enténdese por unidade de convivencia independente a formada por aquelas persoas que convivan nun mesmo domicilio e manteñan entre eles un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable, por adopción ou acollemento, ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao respectivamente.

Os requisitos que deben cumprir as unidades de convivencia para ter a condición de estar en risco de exclusión social serán as seguintes:

  1. O enderezo para o que se solicita a bonificación debe coincidir co enderezo en que se atopa empadroada a unidade de convivencia.
  2. O titular do contrato de subministro de auga deberá coincidir con algún dos membros da unidade familiar. Noutro caso, o solicitante deberá acreditar que é o pagador da factura-recibo de auga.
  3. Os ingresos totais da unidade de convivencia non deben superar o importe do Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples (IPREM).
  4. Ao menos unha das persoas da unidade de convivencia deberá estar en situación de exclusión social por estar nalgunha das situacións que se enumeran a continuación:
    1. Persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia
    2. Persoas perceptoras de pensións non contributivas nas modalidades de invalidez ou xubilación
    3. Persoas que non estando en ningún dos dous supostos anteriores teñan unha ausencia ou déficit grave de recursos económicos unido a unha situación de desemprego ou imposibilidade de desempeñar un traballo remunerado e que conten con outros factores, evidenciados a través da súa traxectoria persoal, que agraven a situación de exclusión social ou o risco de padecela recoñecidos na lexislación vixente na comunidade autónoma de Galicia.

Para solicitar a exención deberase presentar o modelo de solicitude de exención no canon da auga e no coeficiente de vertedura por estar en situación de exclusión social ao que se debe acompañar un informe emitido polos servizos sociais comunitarios do concello.

Unha vez recibida a solicitude darase traslado dela á consellería competente en materia de servizos socias aos efectos de que estes acrediten a situación de exclusión social da unidade de convivencia, procedendo Augas de Galicia a ditar unha resolución e a comunicarlle a exención á entidade subministradora de auga.

A exención terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á presentación completa da solicitude.